Zapatero ou o bluff previsíbel.
xullo 18th, 2008 xullo 18th, 2008 Posted in Copiado e pegado, análise, estadoNo Comments »
Acabo de ler o brillante artigo que o compañeiro Xoan Carlos Garrido ven de publicar en Vieiros baixo o título "Acabóuselle o leninismo a Zapatero?" e no que fai unha interesante e sesuda análise arredor da involución do actual Presidente do Governo Español, que comparto.
É propio da socialdemocracia proxectar con certa habilidade unha pantalla estética, plagada de intencións, de boas palabras ocas, para encubrir a súa falta de ambición, ou de decisión, transformadora.
O PSOE de ZP é o resultado dunha mistura da mellor mercadotecnia política, esa que deseñara con acerto o gurú publicitario Campmany, e a manipulación falseada en inxenuidade, ou o que algúns chaman erradamente optimismo antropolóxico.
Inda que Zapatero marcou distancias cun pasado marcado polas arroutadas case totalitaristas dun Aznar preso do seu propio ego e desquiciado por un poder que nunca debeu conquistar, coa experiencia da pasada lexislatura e o pobre arranque da presente, podemos concluir que ao malabarista dialéctico do PSOE esgotouselle a maxia dos trucos fáciles.
O creto político que depositamos as persoas nos representantes electos precisa dalgo máis que de estupendas declaracións de intencións, efectistas xestos mediáticos ou un control moi habilidoso do ciclo de noticias. A cidadanía non confía por fé, e iso exixe que haxa unha carga demostrativa detrás do discurso de turno, que é o que fai críbel e coherente. En síntese: queremos feitos.
Zapatero está a demostrar que carece de proxecto máis aló do holograma proxectado, diluido nun discurso fácil e baleiro. Non ten ideas, só esloganes. Non ten proxectos, apenas intencións. Non ten vontade, tan só pose.
ZP podería ser perfectamente a crónica da decepción anunciada, ou mellor: o máis previsíbel dos bluffs.
E o peor é que xa perdeu a frescura da novidade, e francamente resulta mesmo aburrido. E o aburrimento acostuma provocar na xente ganas de alternancia... inda que o cambio sexa a peor...
chúzame - 





















