xullo 15th, 2008

A voltas co debate das ideas.

xullo 15th, 2008 xullo 15th, 2008
Posted in análise, artigos e columnas, historia, nacionalismo, pensamentos
No Comments »

Manuel Mera publicaba recentemente en Vieiros un artigo baixo o título "O debate das ideas" no que reflexionaba arredor do futuro do movemento nacional popular galego, analisando diferentes cuestións, dende os défices na comunicación social das alternativas de esquerda até a falta de formación da militancia.

Concordo no fundamental co enumerado por Mera no seu artigo, e fagoo porque o difícil sería non coincidir co plantexado. Os problemas, dificultades e debilidades do nacionalismo son coñecidas até a fartura e ocupan unha parte significativa dos debates externos e internos das diferentes organizacións politicas e sociais. Para o meu gosto adicamos demasiadas enerxías no diagnóstico e moi poucas na posta en marcha das solucións.

Porén, o que ofrece este senlleiro sindicalista é só unha parte limitada do que podería ser a receita para superar eses atrancos e contradiccións, facilitando unicamente unha relación dos ingredientes necesarios: mellorar a comunicación interna/externa, rachando a dependencia dos grandes meios de comunicación (controlados nas máis das veces por poderes fácticos antinacionalistas); recuperar o papel relevante da militancia; outorgar unha maior importancia á reflexión e ao debate; máis e mellor formación e información. En síntese situar no primeiro plano das prioridades a batalla das ideas.

Facer un breve repaso das teses congresuais/asembleares das organizacións nacionalistas dos últimos anos, axudaranos a descubrir que dende logo unha parte susbtancial do que reclama Mera fica recollido nas mesmas, mesmo con maior contundencia. A receita como a pólvora, xa está inventada, o complexo é poñela en práctica, adecuándoa a un contexto en permanente cambio, onde a táctica ten que ser un elemento viabilizador da estratexia.

Hai algunhas cuestións nas que, porén, non coincido. Sinceiramente disinto da idea de que a percepción de que "abonda con facer unha boa xestión e ter unha actitude persoal coherente pra que o proxecto político que se alenta medre e se consolide" sexa nen moito menos maioritaria. A historia, sobor de todo a da última década, ensinoulle ao nacionalismo que o proceso non é lineal, e non só depende de variábeis tan mínimas ou controlábeis.

Disinto tamén dese meláncolico mito, tan extendido, de que todo tempo pasado foi mellor, e que infravalora os espazos conquistados e os cambios conqueridos.

Pode que o proceso de cambios que impulsou o nacionalismo en moitos frontes, non teña avanzado o suficiente en termos cuantitativos e cualitativos. Pode que se poda e deba facer máis e mellor, e comparto esa expectativa lexítima e esa exixencia democrática, pero como dicía o insignie camarada e patriota Manuel María, un dos activos máis importantes da Fronte Cultural, "a patria constrúese día a día, esforzo a esforzo". Destinemos pois toda a nosa enerxía a impulsar o proceso, non a tumbalo con polémicas, que non debates, as máis das veces paralizantes.

Política, basicamente na súa dimensión transformadora é un exercicio de convencer. Convencer para construir maiorías sociais que sustenten un proxecto revolucionario. Non hai revolución sen povo, sen maioría. E hoxe por hoxe, en pleno século XXI, onde non só cambiaron as condicións internas/organizativas senón tamén o escenario social, e mesmo chaves sociolóxicas importantes, a batalla das ideas, non se pode circunscribir a un debate filosófico na indefinición da metafísica. A batalla das ideas gáñase coa síntese, coa capacidade de plantexar propostas concretas que teñan incidencia política práctica para as persoas. A cidadanía non quere divagar sobre os cambios, quere experimentalos, e debe protagonizalos.

O empirismo, o coñecemento que xurde da experiencia previa, ao igual que o practicismo, concebido este como a capacidade de operativizar no campo da acción o resultante do debate das ideas, son elementos chave, fundamentais, no proceso de conquista dos cambios sociais que arelamos. O leninismo, precisamente por iso, consiste na aplicación dun sistema de análise, o marxismo, nunhas coordenadas concretas (no histórico, social, económico...) para articular propostas programáticas acaídas.

Dende logo que o camiño non pasa polas coordenadas do economicismo, pero tampouco polas do maximalismo ideoloxista. A ponderar toca.

Porque non debemos esquecer que a política opera na realidade, con todo o que ten de poliédrica e cambiante, non no etereo e tranquilo mundo das ideas perfectas, redondas e eternas de Platón.

Porque na realidade concreta vive o protagonista de toda revolución: o povo.

===

Artigo publicado en Xornal o 16-07-08.

Chuzame! chúzame -