xullo 12th, 2008

CON INTENCIÓN sempre.

xullo 12th, 2008 xullo 12th, 2008
Posted in Sobre o blogue, [CON INTENCIÓN]
No Comments »

Se dalgo ten pecado (entre outro moitos defectos) o meu blogue, é de ser ás veces demasiado "formal", e de padecer o cancro da inconstancia/intermitencia. As entradas acostuman ser textos construidos cunha intencionalidade previa, após un certo nível de reflexión ou se queredes de análise. Non está mal, pero penso que esta palestra debe ser algo máis que unha especie de hemeroteca persoal no que poder arquivar os artigos e columnas que escribo en diferentes meios.

Certo é que [CONTRADISCURSO 3.0] gañou frescura coa incorporación de elementos multimedia, destacadamente vídeos do youtube. Pero non abonda.

Os autores, e autoras, que non escritor (eu seguindo a definición de Andreu Buenafuente nun dos seus libros recopilatorio de monólogos, penso que non calquera pola soa razón de escribir pode definirse como escritor) dende o espazo/plataforma que sexa, neste caso unha bitácora na Rede, o que pretendemos é establecer unha comunicación co público, entendendo este non como unha masa compacta, senón como un todo heteroxeneo composto de individuos/as do máis diverso. Esa é a esencia da xénese deste blogue. Comunicar, dialogar. Creeime unha palestra á medida para poder falar, para dirixirme a ti, a quen escoitas/les, se cadra por accidente.

Como podedes comprobar hai algún tempo que non actualizo, en serio, o meu blogue. Non son dos que escribe por ritual, nen por cumprir unha disciplinada planificación. Escribo máis que por pracer, por necesidade. Escribo basicamente porque me peta, e porque dende a miña patolóxica inmodestia coido que teño algo que dicer, sobre todo se hai alguén aí que me queira escoitar, ou ler... e mesmo sen habelo.

Hai unhas semanas fixen unha relación de temas dos que me gostaría falar. Algúns provocanme unha imperiosa necesidade de estoupar verbalmente. Despois de lerme o pseudo-libro/panfleto de Risto Mejide e de estar a rematar A conxura dos necios de J.Kennedy Tole, penso que a listaxe resultante de asuntos sobre os que me apetece opinar mesmo podería ter certo enfoque editorial. Quen sabe.

Esta é a lista:

  1. Da mediocridade.
  2. Da dictadura da mediocridade.
  3. Da resistencia á dictadura da mediocridade.
  4. O brando, o suave, o tenro.
  5. A sempre incomprendida retranca.
  6. Autoridade non é autoritarismo.
  7. Éxito e fracaso.
  8. Talento...
  9. Autobombo e autoodio.
  10. O politicamente correcto.
  11. O pensamento gris.
  12. Contradiscurso.
  13. Colectivo versus Masa.
  14. Individuo versus Individualismo.
  15. Res pública.
  16. Eu fronte a Nós.
  17. A imposición das especifidades.
  18. Envexa, ciumes e medo.
  19. Os valores secuestrados (disciplina, constancia, esforzo, traballo...)
  20. Pola graza do erro.
  21. O valor da palabra.
  22. O afecto como necesidade.
  23. Felizmente infeliz.
  24. Titulación: Licenciado en incompetencia.
  25. Eu, o cabrón...

Digamos que son os titulares desas cousas que por unha razón ou por outra nunca tiveron cabida na estreitez dunha columna ou no corsé dun artigo de opinión, nos que acostumo a falar basicamente da política digamos oficial, digamos cotiá, digamos estándar.  Nun primeiro momento tonteei coa posibilidade de criar outra bitácora específica para este cometido, pero experiencias anteriores fixeron que me decatase de que ás veces é mellor concentrar que extender.

Agardo que esta enumeración me sirva de salvavidas creativo cando a pereza ou a inocurrencia aparezan en escena. Por iso decidín agarrarme a ela, cun dobre obxectivo: implementar un estilo máis directo, máis "dialogado", no blogue, dandolle un tono máis persoal, que non íntimo (habería que ser zote ou apampado para reclamar intimidade perante o ollo indiscreto e pesquisador do blogomillo), e darlle sentido a este blogue, que nas épocas de escasa productividade de artigos e columnas, parece un barco sen tripulación, que deambula pola Web 2.0

Nace pois unha nova "sección" neste blogue.  [CON INTENCIÓN] recollerá esta serie de entradas, indeterminadas en número, indefinidas na súa periodicidade, nas que simplemente tentarei proxectar o meu enfoque, coa contundencia propia de quen sempre di as cousas con intención.

Un aviso sobre a nova sección:

non é apta para imbéciles.

Chuzame! chúzame -