Vivimos en sociedade. Desenvolvémonos como persoas no seo dunha comunidade social. Ambas afirmacións poden semellar obviedades gratuítas, mais é crucial ter estas referenzas claras para abordar con coherencia a cuestión impositiva.
Outra das chaves que debemos ter presente é que a economía sustentase no principio de que as necesidades son infinitas, en troques, os recursos necesarios para darlle resposta son limitados. A economía na súa definición clásica é a ciencia encargada de optimizar o uso dos recursos para cubrir o máximo número de necesidades, baixo o parámetro de eficiencia.
Neste mesmo medio recollíase recentemente un artigo do Presidente dos EUA, George W. Bush, no que defendía o que denomina como reembolsos tributarios, que non son outra cousa que a devolución dunha parte dos impostos cobrados á cidadanía norteamericana, co obxectivo teórico de tentar axudar a manter o tipo ás familias que sofreron a reviravolta da crise das hipotecas "baratas".
Esa medida, a do reembolso tributario, foi a que serviu de inspiración á devolución de 400€ do IRPF prometida por Zapatero na pasada campaña electoral.
Ao marxe do disparate en termos socioeconómicos que representan ambas medidas, o realmente perigoso é o cerne do discurso que as xustifica e sustenta.
A dereita ten gañado a batalla comunicativa en relación aos impostos. Os conservadores conseguiron que se instale socialmente a idea de que os impostos son algo negativo, un exceso perverso dun estado que nos nega a liberdade obrigándonos a pagar.
Pero ¿que son en termos sociais os impostos? Son a nosa cota por formar parte dun colectivo, dunha comunidade. Cando nos asociamos a un centro cultural, ou a un clube deportivo, adquirimos unha serie de dereitos (desfrute das instalacións, participación en actividades, recepción de publicacións…) a cambio dunha achega económica en forma de cota.
Pois ben, os impostos son a nosa cota social, coa que facemos a nosa achega para sufragar os servizos e infraestruturas das que nos beneficiamos todas e todos (hospitais, ensino público, seguranza pública, estradas, instalacións culturais…).
A devolución de impostos supón un triplo erro. Primeiro, supón que o estado recoñeza que cobrou de máis, poñendo en xaque a credibilidade do propio sistema tributario. Segundo, pon en cuestión a proporcionalidade que debe caracterizar o sistema impositivo, xa que a devolución inda tendo un impacto diferente nos distintos níveis de renda, inclúe tamén ás persoas coas rendas máis elevadas.
En terceiro e último lugar a devolución de impostos supón declarar o fracaso do estado do benestar.
Dende o anuncio de Zapatero, conversei con moitas persoas, moi diferentes entre sí, pero que coincidían nunha idea formulada como pregunta: ¿o goberno central non ten nada mellor ao que destinar eses cartos?
Para que unha administración devolva recursos, que dicíamos ao principio son limitados en relación ás necesidades, a situación tería que ser utópica, no senso de ter cuberto completamente todas as necesidades. Feito que non se corresponde nel de lonxe coa realidade.
Calquer persoa podería indicar un destino mellor para esa importante cantidade de recursos que se queren reintegrar: aumentar o financiamento da sanidade para rematar coas vergoñentas listas de espera, sufragar a posta en marcha de máis política social, mellorar o ensino, aumentar a dotación económica da xustiza (que tanto está dando que falar ultimamente), establecer un subsidio social básico que erradique as bolsas de pobreza, o pago da débeda histórica con Galiza… e un longuísimo etcétera co que poderíamos escribir a lista de tarefas pendentes, de necesidades non cubertas.
Hai un cuarto elemento que agrava o citado triplo erro, que é a procedencia deses cartos que agora se queren devolver: o superávit nas contas públicas. O feito de que as administracións públicas non se endebeden por riba duns níveis aceptábeis, é algo positivo porque xera dinamismo económico e ademais reforza a solvencia do estado.
Unha cousa é non endebedarse e outra gastar menos do que se pode, por iso é moi preocupante que un goberno faga gala do superávit nas contas públicas.
¿De onde provén ese superávit? ¿como pode haber un exceso de ingresos sobre os gastos nas contas públicas? Basicamente, hai dous camiños: que se ingrese máis do previsto, ou que se gaste menos do presupostado; ou unha conxunción de ambas. No caso de que se ingrese máis, evidencia un erro na previsión. No caso de que se gaste menos demostra incapacidade na xestión xa que haberá actuacións que sendo necesarias non se leven a termo.
Hai un argumento definitivo para rexeitar os reembolsos tributarios de Bush ou as devolucións impositivas de Zapatero: ese reintegro só podo gastalo na compra de bens de consumo, non podo destinalos a colaborar na construción de hospitais, na ampliación das becas, na aposta polas enerxías renovábeis, na cooperación internacional, nas políticas de igualdade…
Non quero que me devolvan a miña cota social, porque formo parte desta comunidade e porque os impostos que pago son a miña achega solidaria á mellora das condicións sociais.
===
Artigo publicado en Xornal.com o 31-03-08, e Rebelión o 3-04-08.
chúzame -