Tamén son familia: SI á diversidade familiar!
MANIFESTO "REDE POLA DIVERSIDADE FAMILIAR"
Os asinantes deste manifesto concibimos a rede como unha fonte de información e entretemento, pero tamén de activismo e participación social. Desde a disparidade ideolóxica, relixiosa, racial e sexual únenos o noso compromiso coa igualdade e a diversidade. Por iso, reafirmamos o noso compromiso co respecto e a tolerancia cara os distintos modelos familiares. Os tempos cambiaron e o modelo tradicional de familia convive hoxe con outros tipos, como as familias monoparentais ou homoparentais. Entendemos que esta diversidade enriquece notabelmente a nosa sociedade e, con tristeza, vemos día tras día como algúns sectores conservadores e retrógrados, encabezados polas xerarquías eclesiásticas, tentan impoñer un modelo excluinte de familia tradicional. Por todo iso expresamos:
- O noso máis firme REXEITAMENTO ás actitudes de exclusión e discriminación que algúns sectores conservadores, liderados pola Igrexa católica, mostran cara os distintos modelos familiares que conviven hoxe na nosa sociedade. Consideramos que detrás da súa enfática defensa do modelo de familia "tradicional" agóchase a intransixencia e o odio á diferenza. Defendemos a diversidade como un trazo enriquecedor, tamén no ámbito familiar, e, por iso, esiximos respecto e tolerancia para todos e cada un dos modelos de familia existentes.
- A nosa sólida DEFENSA da igualdade e a diversidade, e polo tanto, do dereito de todo cidadán, sen importar a súa orientación sexual, a amar, contraer matrimonio e construír a súa familia libremente. Actualmente na nosa sociedade existen distintos tipos de modelos familiares e todos deben gozar do mesmo respecto e consideración cos mesmos dereitos e obrigas.
Para rematar chamamos á MOBILIZACIÓN social para seguir avanzando en igualdade e construír unha sociedade máis libre, igualitaria e diversa. Só coa participación e a visibilidade será posíbel frear as actitudes discriminatorias, intolerantes e intransixentes que seguen existindo e condenando a diferenza.
TODAS AS FAMILIAS IMPORTAN
SI Á DIVERSIDADE FAMILIAR
Asina AQUÍ
Promove: Rede pola Diversidade Familiar.
chúzame -