López Peña: bye bye!
O delegado do estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, o histórico do PSOE, Francisco López Peña, acaba de anunciar a súa dimisión a través dunha nota de prensa.
Rematan así once anos de dirección dunha entidade cunha importancia crucial no seo dunha cidade industrial como Vigo, desenvolvidos en dúas etapas: de 1989 a 1996 e de 2004 a 2008. O certo é que López Peña ostentaba un cargo moi desexado, que ten un rango semellante ao do propio Alcalde e que é designado directamente polo Ministro de Economía.
Sen entrar a valorar en termos técnicos a súa labor á fronte do Consorcio, López Peña distinguiuse por un coñecido desleixo e desinterese por conxugar a acción da Zona Franca cos intereses xerais da cidade, así como polo seu carácter difícil e a escasa disposición á hora de colaborar co goberno municipal da cidade.
Defínese como un xestor, no senso máis excluínte do termo. Exerceu o seu cargo cunha lectura excesivamente excluinte, que se plasmaba nas reservas e permanente celo á hora de que a Zona Franca se implicase e colaborase nos problemas da cidade. Pola importancia do consorcio, pola cantidade de recursos que xera, e tamén polo evidente impacto social, urbano e medioambiental das actividades que promove, resulta unha irresponsabilidade política que se situase sempre de costas á cidade.
López Peña non disimulaba o seu enfoque reducionista, describindo ao consorcio como unha axencia de solo industrial, unha especie de inmobiliaria sufragada con fondos públicos destinada a dar teito ás empresas.
O último e se cadra o mellor exemplo da súa xestión implacabelmente asocial é a construción do centro comercial de A Laxe que rematou de pechar Vigo ao Mar, cunha oposición social e política maioritaria.
Pouca xente lamentará a súa marcha, eu non.
Bye bye!
===
Artigo publicado en Xornal.com o 4-04-08
chúzame -