Moderación ou pensamento gris.

O outro día collín un taxi para dirixirme a toda presa ao traballo. O tempo botáraseme enriba e os horarios non perdoan. Cando entrei no coche, ao volante estaba un conductor co que xa efectuara este mesmo desprazamento dúas ou tres veces antes.

É un home relativamente maior, da quinta do meu pai, é dicer: dunha avanzada mediana idade. Pelo branco, lentes modernas. Afeitado, e de aspecto desperto. Cada vez que viaxo con el apago o reproductor MP3, co que habitualmente aproveito os últimos minutos antes de meterme no choio para escoitar algo de música. Fagoo gostoso, sabendo que este atípico taxista darame conversa ao longo dos escasos cinco kilometros que separan a miña casa do meu traballo.

Apenas arrancáramos e o espelido conductor iniciou animado o diálogo. Co seu falar pausado, e a súa voz grave pero suave e harmoniosa, é desas persoas coas que un prefire escoitar.

Preguntoume se non collera inda vacacións, e cando lle contei que tiña pensado pasar uns días en Salcedo (Lugo), o home sorrindo contoume que o Pai Seixas, ao que se lle adicou unha rúa no meu barrio, contáralle inda en vida, que hai un lugar en Lugo onde todo o monte é orégano. A excepción do tan manido dito popular.

Cando comprobou que sorría interesado, seguiu a falar. "Gústame sorprender, provocar, descolocar á xente cando falo" dixo entre risas. "Hai tempo, cando as eleccións autonómicas, unha clienta ía loubando as bondades do Fraga... un home experimentado, serio... xa sabes... eu contesteille moi amable... imaxina que Fraga é o avó da túa familia, ¿deixarías que el dirixise a túa casa? Ela dixome que non... e eu retruquei... ¿se non cres que ese avó pode dirixir a túa casa, porque vai poder governar a de todos?".

Non sei o seu nome, pero o taxista anónimo é dos que gasta sabedoría popular en cada afirmación. Dicíame que lle gostaba provocar, soltar respostas fora do políticamente correcto, porque así axudaba a que a xente reflexionase, a que pensansen, no canto de facer, como dicía el, de "loros de repetición" do que outros dictaban.

Impactoume esa argumentación, coa que coincido. Falta pensamento, falta criticismo, falta tensión social, tensión intelectual, tensión vital e humana. O Pensamento Único e uniformador que o sistema, a través da máis variada violencia estructural pretende impornos, empúxanos a acomodarnos na moderación, converténdonos nesos "homes grises" dos que falaba Michael Ende en "Momo". Seres acríticos que deambulamos no medio social sen apenas decatarnos do que acontece ao noso redor, e inda menos, sen comprender, nen executar, a nosa capacidade de transformación. Sen achegar nada na páxina da historia que nos toca axudar a construir.

Normalmente as persoas que mantiveron posicións extremas en relación ao discurso maioritario contemporáneo a estas, foron xentes avanzadas para o seu tempo, visionarias e visionarios, que desde posicións ás veces contrapostas exerceron de motor de explosión da historia. A moderación,á que tanto se apela ultimamente, produce unha evolución estábel, pero demasiado lenta. No político, o centro, representa nivelarse/igualarse por abaixo.

O progreso, entendido como o proceso dialéctico de avanzo das sociedades e dos povos, non virá dado por un coro harmonioso de barítonos moderados, senon pola contraposición democrática e equilibrada, chegando a pontos de encontro, entre as voces de agudos tenores e graves contrabaixos, compartindo ambos un elemento fundamental: a tan necesaria ambición, entendida na súa acepción positiva.

Pois xa dicía Castelao: "o verdadeiro heroísmo consiste en trocar os anceios en realidades,
as ideias en feitos". Non nacimos para pensar en gris.

===

Publicado en Xornal o 4-4-07, Mundo Galiza o 4-4-07.

Chuzame! chúzame -

Leave a Comment

XHTML: You can use these tags: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>