marzo, 2007

Valadés e o medo á democracia.

marzo 26th, 2007 marzo 26th, 2007
Posted in artigos e columnas, valadés
No Comments »

Pedro Gómez Valadés reaparece novamente no cenario mediático. Desta volta cun artigo de opinión publicado no Faro de Vigo, no que baixo o título "As minorías sí teñen direitos", tenta retrucar o artigo de Guillerme Vázquez publicado no mesmo medio días atrás coa cabeceira "Caza de bruxas e dereitos das minorías".

Un novo capítulo máis nesta escalada de abafante intoxicación que Valadés, intensifica previa a chegada dunha Asemblea Comarcal, que de maneira incomprensíbel, tratandose dun autoproclamado "demócrata" que se presenta como abandeirado dos direitos fundamentais, teme con pavor. E envalentonado por ese medo, xoga ao de sempre: tentar desesperadamente dimensionar fora do ámbito de decisión (organismos internos do BNG) o que non é representativo dentro, collendo como aliados conxunturais aos afeizoados do BNG á carta, aos que me refería no meu primeiro artigo en Xornal no xullo do 2004.
Xa o fixo na campaña do referendo sobre o tratado constitucional europeu, facendo unha campaña contraria ao posicionamento democraticamente acordado polos órgaos do BNG, en contra dunha constitución reaccionaria, regresiva e que consolidaba un modelo neoliberal. Mais Pedro apostou publicamente polo sí firme, e fixo campaña nesa dirección.

O direito a discrepar interna e publicamente é algo inherente ao funcionamento plenamente democrático que caracterizou e caracteriza ao Bloque Nacionalista Galego. O problema non é o direito en sí, que malia afirmacións tendenciosas ninguén cuestiona, senon a leitura capciosa e o uso abusivo que algunhas persoas fan del, desvirtuando de pleno o propio dereito, cun exercicio irresponsábel e infantil.

É evidente que as actuacións públicas de Gómez Valadés, amparandose nun aparello mediático globalmente hostil ao nacionalismo como proxecto político, e concretamente ao BNG como expresión organizada dese proxecto, é algo enxuizábel por ser unha actitude en esencia contraria aos intereses do propio Bloque, e máis ás portas duns comicios municipais. Algúns seguen a traballar para o inglés, por puro ego.

Valadés disparou a gusto contra Vázquez, cando Guillerme só saia ao paso das graves acusacións que verquera Pilar Rahola nun artigo contra do BNG.

Novamente Pedro Gómez Valadés, e o seu entorno, demostran cal é o seu grao de compromiso co proxecto común.

Por suposto que as minorías teñen direitos, máis en democracia os acordos tomanse en base as decisións da maioría, algo que parece non ser entendido. E é que a algúns venlle mal a democracia, cando van perdendo...

===

Publicado en Xornal.com o 26/03/07.

Chuzame! chúzame -

Quérote, non te quero

marzo 23rd, 2007 marzo 23rd, 2007
Posted in análise, artigos e columnas, nacionalismo
No Comments »

Nos últimos tempos temos asistido á posta en escena, unha vez máis, dunha hipotética aproximación por parte do Partido Popular de Galicia co BNG, na que mesmo Núñez Feijoo non descarta a posibilidade de pactos post-electorais co Bloque. A estratexia non é nova, pero segue a darlle resultados positivos aos populares.

O PP tense significado por manter, en relación ao nacionalismo, unha bipolaridade intermitente. Esa ciclotimia no táctico, concrétizase por exemplo na dura escalada de criminalización e ostracionismo contra do BNG desde que este conqueriu representación institucional no Parlamento Galego, e momentos de aparente "entendemento" co BNG como o protagonizado no tan controvertido encontro entre Manuel Fraga e Xose Manuel Beiras no 2001, no que Fraga por vez primeira non descartaba chegar a acordos coa forza política que demonizara desde sempre, mesmo meses atrás e con dureza no transcurso daquela campaña eleitoral.

Non foi casual ese xesto, e por parte dos populares supuxo todo un acerto táctico. Coa recén estreada cuarta maioría absoluta en Galiza e un ano despois de que Aznar conseguise a súa, xusto un día despois da súa elección por parte do Parlamento Galego como Presidente, Fraga consigue unha fotografía histórica: o apretón de mans co seu arqui-inimigo Xose Manuel Beiras Torrado, o do zapato. Para o PP supuxo un lavado de cara, e a resposta máis efectiva, a todas as acusacións, fundadas, a respeito do talante antidemocrático de Don Manuel e Cia. Dabase unha imaxe de falso aperturismo, moderación e modernidade.

O BNG pola contra apenas conseguiu enfatizar un pouco o seu perfil institucional, e de modulación do seu discurso, pero non obtivo ningún beneficio político, xa que este affaire supuxo o principio do fin do ciclo político de Beiras como cabeza de cartel e suscitou unha forte contradicción na base social e militante do Bloque,que historicamente e iconicamente se tiña identificado co anti-fraguismo, como expresión dunha xenuina alternativa política de futuro para Galiza.

O BNG con este xiro na súa estratexia non correxiu a súa traxectoria electoral que en 2001 pasou do salto histórico de 1997 (no que se colocara como segunda forza política), ao retroceso coa perda dun deputado, e que en 2005, pese a acceder por vez primeira ao Governo de Galiza, rematou tamén coa primeira ocasión na que o BNG retrocedía en número de votos.

A síntese é fácil. Ao Partido Popular convenlle e moito este tipo de artimañas por varias razóns. En primeiro lugar, consigue afortalar en Galiza a bipolaridade estatal PSOE-PP. En segundo lugar, dilue o perfil antágonico e de forza política diferenciada do BNG, extendendo aquilo do "todos son iguais". E en terceiro lugar porque forza un fluxo de votantes cara os dous focos da bipolaridade, que unicamente reforza ao PP ou ao PSOE. Así mesmo gaña as simpatías do galeguismo máis conservador, na liña do "galego coma ti" de Fraga.

O obxectivo desa táctica é duplo: deixar fora de xogo ao BNG, que é a única opción política xenuinamente antagónica ao proxecto rexionalista e antisocial do PP, e en parte tamén do PSOE, e disputar os vindeiros comicios autonómicos nun cenario mimético en relación ao do estado.

É evidente que unha forza política con vocación de governo, e con capacidade para asumir a dirección institucional do país, como o BNG, debe ser capaz de chegar a pontos de encontro con todas as opcións, poñendo como única condición que a defensa dos intereses de Galiza sexa o que conte. Xa que logo o nacionalismo galego, debe estar disposto a chegar a acordos puntuais co Partido Popular, como co resto de forzas políticas en Galiza e no estado, naquelo que sexa positivo para os intereses do país, e que se traduza en beneficios concretos e obxectivabeis que visibilicen ao BNG como o verdadeiro aparello de estado da nación galega.

Mais esos posíbeis e necesarios pontos de encontro en chave de país, non son óbice para deixar claro que os proxectos políticos que representan PP e BNG son diametralmente opostos, o que imposibilita de feito calquer tipo de pacto, e dese xeito rachar desde xa coa farsa do "quérote, non te quero", que non é máis que un abrazo de oso por parte do PP que pretende asfixiar o proxecto de transformación que representa o nacionalismo.

===

Publicado en Vieiros o 23/03/07.

Chuzame! chúzame -

Cando a brétema non deixa ver (Réplica a M. Bragado)

marzo 23rd, 2007 marzo 23rd, 2007
Posted in artigos e columnas, valadés
No Comments »

Contaronme que o meu artigo recentemente publicado en Xornal.com (e que viu a luz tamén noutros medios) baixo o título "O Caso Valadés: individuo vs colectivo, discrepancia vs disidencia" tivo a suficiente sona como para suscitar comentarios do máis diverso tipo, e mesmo a reacción de Manolo Bragado, autor do blog Brétemas.
Marcos Valcarcel tamén me menciona nun texto que vai entre unha especie de manifesto e unha malgama de acusacións, cargadas de nostalxia. Grazas a ambos por ter lido o meu artigo, por facer referencia e publicidade del na Rede e mesmo por calificarme de "valor emerxente" do BNG, inda que modestamente coido que resulta algo exaxerada a calificación.

O certo é que semella que molestou que contestase esa campaña de intoxicación mediática que Pedro Gómez Valadés continua a espallar, aproveitando cada entrevista para poñer o nome dun acusado de "estalinismo". As filtracións intencionadas dos debates do BNG non abondan e Valadés complementaas co que vai camiño de ser unha lista de proscritos.

Sorprendenme estas reaccións, porque resulta paradoxal que cando se asoma unha opinión diferente e contraria á tese mantida por Valadés e o seu grupo de afíns, os que din defender o direito á libre expresión, mesmo aludindo á Constitución Española, carguen as súas plumas contra quen visibilizou que contrariamente ao que de maneira deliberada se pretende difundir desde os amigos de Israel, no BNG somos moitas/os as/os que sen ser sospeitosos de filo-nazismo, nen de ter un talante extremo ou dogmatico, denunciamos que existe unha incompatibilidade evidente entre ser dirixente do BNG e ser presidente dun lobbie pro-israelí.

Falán de linguaxe dos 70, repasan coa nostalxia do victimismo extemporáneo presuntas persecucións a causa do seu presunto pensamento de vangarda... Pero non adican nen unha liña a contrapor argumentos a esos "pobres argumentos" que di Bragado, son o cerne do meu artigo.

En algo teñen razón, algúns gardamos silencio varias semanas, mentras presenciabamos atónitos e decepcionados o espectáculo mediático azuzado por Pedro Gómez Valadés, para conseguir á desesperada un escudo público que inviabilizase calquer tipo de resposta orgánica e/ou disciplinaria conforme o regulado nos estatutos do BNG. Calamos por respeito e por lealdade para con a fronte da que formamos parte. Calamos por responsabilidade. Pero cando o inexistente e rotundamente falso linchamento a Valadés se convertiu nun linchamento ao BNG, con pulsos ao seu voceiro nacional, cartas e moita prensa, era imprescindíbel remangarse e meterse neste lodazal dialéctico para facer presente que algúns pensamos diferente.

Hoxe o relator especial da ONU para os Dereitos Humanos en Oriente Próximo, John Dugard, dixo que a ocupación israelí nos territorios palestinos "ten elementos de colonialismo e apartheid". Supoño que Dugard non poderá ser acusado de stalinista instigador de linchamentos, nen de maniqueo.

Hai algo que cando fica claro, algúns non imos amparar ningún apartheid nen a defender estados imperialistas, e menos inda por colgarnos a medalla de neo-progres de vangarda.

Sei que ás veces é dificil ver entre a brétema, pero non hai peor cego que o non quere ver.

===

Publicado en Xornal.com o 23/03/07, en MundoGaliza o 23/03/07.

Chuzame! chúzame -

O Caso Valadés: individuo vs colectivo, discrepancia vs disidencia.

marzo 15th, 2007 marzo 15th, 2007
Posted in artigos e columnas, valadés
No Comments »

Recentemente tense desatado un polvorín meiático e público, máis artificial que espontáneo, encol do que se ten denominado na Rede como "caso Valadés".

Pedro Gómez Valadés é o Presidente da Asociación Galega de Amizade con Israel, AGAI, e era responsábel da área de cultura e lingua da Executiva Comarcal do BNG de Vigo. O problema, por dicilo dalgunha forma, xurde cando se valora o grao de incompatibilidade entre manter ambas responsabilidades, polo risco de contradicción no exercicio desa dupla vertente.

O Bloque Nacionalista Galego non é unha asociación cultural, nen gastronómica, é unha organziación política, democrática e plural, que se rixe polos seus estatutos e que posúe a diferenza de entidades doutro tipo dun ideario propio que é, e debe ser, o denominador común da súa afiliación. Non tería sentido formar parte dunha asociación ecoloxista se un fose propietario ou administrador dunha empresa celulosa contaminante... A entrada no BNG é libre e individual, ninguén fica obrigado a formar parte do Bloque, pero aquel que decide dar o paso de afiliarse debe cumprir unicamente dous requisitos que emanan do máis sinxelo e simple sentido común: aceitar e acatar as normas de xogo e compartir o corpus ideolóxico da organización.

O BNG é por definición, e así o ten acordado a súa base militante, unha organización anti-imperialista que proclama o direito universal dos povos á súa libre autodeterminación e que defende unhas relacións internacionais de mutuo respeto en pé de igualdade entre todos os povos e nacións do mundo.

Pedro Gómez Valadés coa súa pertenza como Presidente, e promotor, da AGAI incorre nunha máis que evidente contradicción pola súa calidade de dirixente comarcal do BNG. A posición do BNG sobre o conflicto palestino-israelí é de vello coñecida e fica claramente reflexada na acción política da fronte: Hai un povo oprimido e usurpado do seu dereito á autodeterminación, asoballado por unha potencia militar aliada dos EUA, Palestina; e hai un estado opresor e que permanentemente vulnera a legalidade internacional (asasinatos selectivos, peche das canles de distribución de mercadorías con Palestina, o muro da vergoña...), Israel.

Esa definición, ou descrición en chave de análise política, do conflicto por moi sintética que sexa non é maniquea. O que sí é cínico é equiparar víctimas con verdugos, pedras con tanques, oprimido e opresor, facendolle o xogo aos intereses xeoestratéxicos de Israel e os EUA, (máis cando comeza a verse con claridade a posibilidade real da constitución dun estado Palestino), na procura de apoios internacionais para diluir ao máximo a soberanía dese futuro estado palestino e desfigurar a súa composición xeográfica.

É evidente que o nacemento de loobies pro-israelies, agochados cecais trala demagoxia da amizade entre povos, é unha boa nova para o sionismo, que coa súa maquinaria diplomática, e a súa rede consular, os empregará como satélites do seu aparallo de propaganda, unha vez se decataron de que perderon a batalla das ideas perante a comunidade internacional. Porque un código tatuado no antebrazo hai sesenta anos non lexitima o asasinato da povoación civil palestina.

Escudarse na falsedade de que se está a negar o Holocausto, cando por activa e por pasiva, a esquerda, a galega pero tamén a internacional, desde os seus máis variados espectros ideolóxicos ten condeado con total rotundidade o xenocidio xudeu, é producto dunha artimaña de mercadotecnia do victimismo, e un insulto á intelixencia das persoas.

No fondo o caso Valadés non trata arredor da expulsión ou non dun afiliado do BNG, aspecto que decidirá en tempo e forma, conforme o estatutariamente establecido, a propia organización.

Moi ao seu pesar, Pedro Gómez Valadés non é tan relevante como para ser a pedra de toque deste debate, pese a súa intencionada campaña intoxicación mediática contra da organización que di defender (só hai que escoitar a súa entrevista na COPE con Cesar Vidal, o mesmo que defende un revisionismo da historia de España na liña da doctrina do Movemento, negando a guera civil ou que a Dictadura fose tal...) e pese ao goteo de adhesións e apoios nada espontáneos de intelectuais da progresía, desde Manolo Bragado até Pilar Rahola.

O debate é outro. E Valadés sábeo. Fica claramente definido na Carta Aberta que os seus afíns dirixiron ao portavoz nacional do BNG: "(...) a mesma formulación dos Dereitos humanos individuais sempre debe preceder a calquera consideración de carácter colectivista(...)".

O tema non é novo. Cecais o problema é que este tipo de cuestións enquistaron e negan ao propio sentido común. A confusión interesada entre o lexítimo direito á discrepancia e a práctica da disidencia, ou o proceso de desideoloxización que promove un sector do BNG argumentando posicións de tacticismo e pragmatismo na conquista de espazos de poder institucional, entroncan de cheo coa concepción individualista que o propio sistema impón a través da máis sutil violencia estructural de cara a desarticular de facto calquer atisbo de alternativa crítica e posíbel.

É no fondo unha contraposición de concepcións da política ben diferentes. Dunha banda aqueles que a conciben con perspectiva biográfica, en chave personalista, enfatizando os espazos para a indivualidade, en detrimento do conxunto/colectivo. Doutra os que a entendemos recoñecendo o valor engadido que xera a sinerxia do corpo común, que a concibimos en perspectiva histórica.

O BNG non é unha federación de individuos librepensadores, senon a expresión política organizada, e absolutamente plural, de milleiros de persoas que compartimos arelas e un proxecto transformador/revolucionario determinado por trazos ideolóxicos definidos con rotunda nitidez.

Ninguén lle negou a Valadés nen a ningún afiliado o direito a discrepar interna e publicamente, se for preciso, da liña política que marca democraticamente o conxunto da organización. Pero disidir é separarse, e non hai posibilidade de separarse desde dentro, só cara fora.

===

Artigo publicado en Xornal.com o 15/03/07, en Mundo Galiza o 16/03/07, en Inforosal o 17/03/07, en Rebelión o 22/03/07.

Chuzame! chúzame -