Prégase silencio real.

A Monarquía Constitucional que preside, en vigor do actual marco constitucional, o Estado Español, foise situando nun papel meramente simbólico-representativo, ás veces mesmo folclórico, pero o certo é que pouco político.
Supoño que todas e todos, monarquicas/os e republicanas/os, coincidimos en sinalar que cecais a única vantaxe do réxime borbónico no Estado Español, reside na súa practicamente nula participación na vida política do estado, é dicer: os seus silencios que, como ben sinalaba Pilar Rahola (nun recente artigo publicado en El Pais), "son de ouro. As súas palabras, en troques, poden ser de chumbo". Os silencios e desde logo tamén o sosego e a tranquilidade que desde esta institución se proxectou con intelixencia ao longo de todos estos anos.
Coido que só cabe apelar á sensatez real para instar ás nosas maxestades a non rachar ese silencio. O mesmo silencio que como Xefe das Forzas Armadas gardou cando o último governo do "Aznarato" enviou tropas españolas a unha guerra ilegal e inxusta, que ademáis era rexeitada pola inmensa maioría da cidadanía. O mesmo silencio que gardou cando soaban os tambores dunha presunta quebra institucional planeada desde a dereita cando a cidadanía o 13 de marzo decidimos plantarlle cara á mentira, á falsedade, ao emprego político da sangue inocente derramada e á tiranía mediática e comunicativa dun grupo de déspotas asociais. O mesmo silencio que gardou fronte aquela folclórica operación de "recuperación" do islote Perejil ou cando a mediados dos 90 un ministro de pesca canadiense azuzaba para unha inconcebíbel declaración de guerra co obxecto de desterrar á frota española, destacadamente galega, dos caladoiros do fletán. E un longo etcétera de silencios, ás veces cómplices por omisión, pero que serveron para consolidar ao Rei como unha figura de alto arbitraxe institucional, aparentemente sensato e discreto, apartidario e máximo exponente internacional do Estado.
Agora a estas alturas, cando en pleno exercicio das liberdades democráticas conqueridas comezamos a falar da España plurinacional e pluricultural, do Estado Federal, cando se comezan a dar pasos decididos cara unha segunda, e verdadeira, transición política, que pasa ineludíbelmente por unha reconfiguración do actual deseño do Estado. Xusto agora meten ao monarca, a golpe de estratexia xestada na Moncloa, no xogo suxo da declaración taxativa para sacralizar a indisoluble unidade de España, e no concreto, reforzar unha postura das tantas que xurden fronte ao lexitimo, en termos democráticos, debate social e político do Estatut de Catalunya que o Parlament, cunha maioría abrumadora, propón ás Cortes Xerais. As incomodidasdes semánticas que produce o termo "nación" nas filas socialistas, dun partido dividido entre posturas tan distantes entre o federalismo do PSC [e do PSOE na transición] ou a España Unha de Bono, Vázquez e compañía, non son excusa para a inadmisíbel interferencia no debate que protagonizou o monarca coas súas intervencións a golpe de marcha militar, nen para a flagrante falta de intelixencia política dun Governo Zapatero que comeza a devaluar a súa imaxe de cartón-pedra a pesar de todos os slogan ou claim publicitarios que o Presidente pronuncie en revistas.
Por outra banda solucionar dramas a golpe de telefonazo amistoso, como no caso dos subsaharianos que saltan o valado fronteirizo en Melilla, lembra máis ás practicas caciquís tan abundantes en Galiza, e tan pouco democráticas, que á labor da cúspide institucional do noso Estado de Dereito. Solucionará tamén así o Governo Español o drama das pateras? Ou o grave problema da prostitución e as súas mafias? Non todo se pode amañar prohibindo barbacoas para evitar lumes, pero tampouco é democráticamente admisíbel que en problemas co alcance humano como os sucesos de Melilla se inste ao Monarca a tirar de axenda de colegas e pedir favores en nome da cidadanía, e xa de paso, xa de pedir, que lle reclamase ao colega de Marrocos que se garantisen os direitos humanos, pero se cadra iso é incompátibel coa ilegal devolución automática de inmigrantes na fronteira que o executivo español coa complicidade do PP estableceu.
Un bó monarquico deses que afloran cando está preto un enlace real ou un real nacemento, sinalaría que o denunciado é propio dunha "república bananeira". Cecais descubramos que ese calificativo ten máis usos tópicos.
===
Publicado en Xornal.com o 21/10/05
chúzame -