agosto 28th, 2006

Trala barricada do presente.

agosto 28th, 2006 agosto 28th, 2006
Posted in Artigos Anteriores, artigos e columnas
434 Comments »


Maio comeza coa reivindicación do Dia Internacional do Proletariado, e coa esixencia de condicións de traballo dignas que nos garantan un benestar colectivo e individual. Comeza con manifestacións, berros, consignas, xa que logo con soños, con arelas, con desexos, con utopía.

Há case corenta anos, vinte máis dos que teño no haber da miña experiencia persoal, en París sucedía un dos feitos históricos máis trascendentes da nosa historia recente. O maio do 68, do que hoxe, a miña xeración pouco sabe, pero que foi un ponto de inflexión, non polo resultado do proceso, nen polo proceso en sí, senon polas súas causas.

Nun país como Franza que nesas alturas do século XX vivía nunha situación de boa marcha económica e productiva, co levantar que supuxo a pos-guerra, foi absolutamente imprevisto que se iniciase un proceso de rebelión atípico e absolutamente inusual, que non entra en ningun modelo estandarizado de proceso revolucionario. O maio do 68 creou categoría de producto, como se di en marketing e publicidade.

Sorprendeu de entrada o protagonista desa rebelión. Apareceu por primeira vez a mocidade, o estudantado, como actor protagonista da vida social e política. Naceu daquela o poder estudantil. Eran os 60 e Martin Luther King, e Kennedy foran asasinados. O Ché era asasinado en Bolivia. Cuba comezaba a súa revolución trala toma do poder e a expulsión de Batista. Momentos históricos dificeis. Era a xeración que superara a posguerra, que nunca pasara fame... En troques iniciaron un proceso de loita que inda nos emociona aos románticos da política, os que inda soñamos con utopias, e falamos de política no seu sentido máis xenuino e non do concepto deturpado do xogo institucional tantas veces devaluado.

O sorprendente foi que non existia unha causa definida, como tal, para esa rebelión. Non se enfrentaban nen a unha dictadura, nen a unha crise económica, nen a un estado de excepción. Pero o que se cuestionaba no París de consignas de Jean Paul Sartre non era unha circunstancia, loitabase contra o establishment, contra o sistema na súa totalidade, e sobor de todo contra o xeito de vivir daquela época. Non se pretendia parchear o sistema, pretendiase derrubalo a golpe de adoquín, slogan en grafitti e consigna na rúa.

O 13 de maio de 1968 máis dun millón de franceses, estudantes, obreiros, artistas... se manifestaban en París, nunha das maiores manifestacións trala liberación do nazismo en 1945. Parou a Renault, e os movementos da esquerda organizada, sempre tan desconfiados, insertaronse de pleno nese proceso, no que as forzas sindicais sumaron o seu empuxe ao estudantado.

Pero todo se rematou. De Gaulle convocou eleccións e gañou de novo, inda que tivo que retirarse ao ano seguinte. Di Ismael Serrano (en "Papá cuentame otra vez"): "Papá cuéntame otra vez que tras tanta barricada / y tras tanto puño en alto y tanta sangre derramada, / al final de la partida no pudisteis hacer nada, / y bajo los adoquines no había arena de playa. // Fue muy dura la derrota: todo lo que se soñaba / se pudrió en los rincones, se cubrió de telarañas, / y ya nadie canta Al Vent, ya no hay locos ya no hay parias, / pero tiene que llover, aún sigue sucia la plaza."

Seguramente de ter habido algún catalizador, unha correa de transmisión, unha estructura organizada sobor da cal asentar ese proceso de mobilización social, moitas das reividicaciósn terían calado, como triunfaron na Rusia do 1917; mais alí estaba o leninismo como meio para a construcción dunha sociedade socialista.

Pero aquel proceso que fixo tremer ao governo da sempre estábel democracia francesa, e mirar con medo ao resto de governos europeus, evidenciou o poder da mocidade, e dalgunha maneira o poder dos soños, da utopía. "Sexan realistas, pidan o imposíbel", rezaba algun coñecido grafitti nas paredes de París.

En Galiza o reaxir do Nunca Máis chegou a emocionarnos, crendonos parte dunha grande onda de cambio que asolagaría o país; auga fertil do cambio que Galiza precisaba e precisa. Mais decepcionaron os resuldados políticos reais... cecais haberia que terlle dado tempo a auga para que atopase o semente, ¿será este 19 de xuño?. Soñemos cunha Galiza de cambio, con Fraga na oposición e con Quintana de Presidente. Soñemos cunha Galiza orgullosa de si mesma, que xa non esté rendida aos pés da metropole. Construamos ese soño.

Non renunciemos a soñar, a desexar, a crer na utopía dunha sociedade xusta, igualitaria, plural, na que se respeite a diferenza, en paz, e que respeite ao meio ambente, dunha sociedade na que a carta de direitos humanos sexa realidade diaria... non renunciemos ao soño de socializar o direito á felicidade. Pero construamos esos soños, esas arelas, desde o presente, como no maio do 68, desde as nosas propias vidas. "Pensar xuntos, non; Empuxar xuntos sí". Non renunciemos á revolución, soñémola, fagamola!

"Ninguén se nos subirá enriba, senon dobramos o lombo." (Martin Luther King)

París, maio do 68. Galiza, xuño 2005.

Hai que botalos!

===

Publicado en Xornal.com o 9/05/05, Arredemo.info o 9/05/05, Diario Directo (En español) o 9/05/05, Rebelión (En Español) o 10/05/05, El Inconformista Digital (En Español) o 11/05/05, GalizaCIG-Actualidade o 12/05/05, Culturactiva o 16/05/05, Barcelona Indymedia (En Español) o 16/05/05, IMC Euskalherria (En Español) o 16/05/05, IMC Madrid (En Español) o 16/05/05 e CMI Portugal o 16/05/05.

Chuzame! chúzame -

No nome da esperanza, CAMBIO GALEGO.

agosto 28th, 2006 agosto 28th, 2006
Posted in Artigos Anteriores, artigos e columnas
Comments Off

Inseridos na dinámica da precampaña electoral todos os resortes comezan a funcionar, e a maquinaria, se cadra sen moito tempo para ser engraxada, comeza a andar. A intensidade coa que arranca esta campaña eleitoral, agochada tralo prefixo, evidencia que este proceso eleitoral non é unha convocatoria, nen normal, nen ao uso, e demostraa como un feito trascendente para este país. Unha oportunidade histórica de cambiar o rumo do país.

Dixen en reiteradas ocasións, a través de diferentes artigos, que fico convencido, por moitas razóns, de que Galiza precisa un cambio político urxente. Nese ponto serán multiples as coincidencias, inda que matizadas.

E eu matizo: defendo o cambio para Galiza, mais debe ser un cambio real, efectivo, profundo... e propriamente galego, pero tamén nidiamente diferente. Non me valen subsitucións inérticas, cambios de asento ou de nome. Reclamo máis respecto por este país, polas súas xentes. Respecto que se articule con políticas que defendan os intereses do país por riba dos intereses dun ou doutro lobby económico, ou meiático; por riba dos dictados das sedes madrileñas de PSOE e PP, de Ferraz ou Génova.

Esixo un governo galego que exerza de tal, que nos faga presentes dos grandes debates de estado, nos que historicamente sempre nos obviaron. Esixo un Presidente da Xunta de Galiza, que devolva a dignidade e o respecto ao decorrer diario do Parlamento, que escoite á cidadanía, que a respecte e que lle dea solucións aos seus problemas. Aposto por un governo de progreso pero en clave galega, nado por e para Galiza e non para substituir o logotipo do cartel de sucursal que o PP de Fraga nos colgou, como residuo colonialista dun estado que se recentraliza.

Fraga debe acabar nas bancadas da oposición. O PP debe ser derrotado o vindeiro 19 de xuño. Pero non por xenreira, non por odio, non por afán de substitución mimética. Deben deixar o governo galego, porque defraudaron a este país, porque nos venderon aos brazos do governo amigo de Aznar, porque lle deron as costas a este país consentindo e mesmo potenciando a desarticualción da forza productiva, xa que logo económica, do noso país, calculando os beneficios desa política tan lesiva (que pregunten ás e aos 200.000 mozas e mozos que tiveron que emigrar do país) en base ao número de kilometros asfaltado. Porque son unha indignidade.

A inalienábel reclamación dunha rede de infraestructuras, non unicamente viarias, que vertebren territorialmente o país, que o comuniquen internamente e tamén co resto da península e con Europa, non pode ser entendida como moeda de troco; non a cambio de converternos en país consumidor renunciando á nosa potencialidade productiva. Non vale o troco de autovías a cambio de cota lactea, ou reconversión naval, porque saimos perdendo. Sempre saimos perdendo. Galiza debe comezar a gañar.

A moitas e moitos non nos vale unicamente un cambio de cara. Non nos servirá a substitución dun nome por outro. Dun talante por outro. O cambio de formas é imprescindíbel, pero as galegas e os galegos queremos máis que iso. Esiximos outro talante pero cun cambio de fondo, tamén no trato que recebemos por parte do estado. Esiximos respecto, e que se nos teña en conta.

Fraga debe ser barrido da política galega, porque supón un acto de traición ao país, aos seus intereses, e a súa cidadanía.

Os resortes funcionan, a maquinaria anda, dixen antes. Diferentes intelectuais están a facer circular un manifesto baixo o nome de "No nome da esperanza, xa vai". Antón Losada, profesor e analista político, acaba de manifestar a súa disidencia cun texto que califica de "manipulado" para chamar ao voto ao PSOE, e afirmou sentirse enganado polo escritor Suso de Toro, polo que reutoru a súa sinatura dese texto. É se cadra a evidencia máis rechamante de que desta volta, non só hai que pedirlles as galegas e aos galegos que acudan a votar, destacadamente á xente moza, senon que abran ben os ollos porque haberá moito gato por lebre, e Galiza non pode perder esta oportunidade.

Por honestidade, por dignidade parafraseo a Antón Losada e fago miñas as súas verbas: "Eu son nacionalista, quero un cambio galego e voto por Quintana".

No nome da esperanza, CAMBIO GALEGO.

===

Publicado en Xornal.com o 9/05/05, Vigo Metropolitano o 9/05/05 e en Diario Directo (En Español) o 11/05/05.

Chuzame! chúzame -

Cambio adiantado.

agosto 28th, 2006 agosto 28th, 2006
Posted in Artigos Anteriores, artigos e columnas
Comments Off

O vindeiro 19 de xuño será a data, adiantada 4 meses, para a celebración das eleccións ao Parlamento Galego. Tal e como se pronosticaba Manuel Fraga comunicou esa decisión ao Consello da Xunta de Galiza. Inádmisíbel é que o Presidente do governo galego empregue a convocatoria electoral nun xogo de intereses en marcada chave partidista-oportunista, facendo un fraude á institución que representa. Pero igualmente de inádmisíbel a falta de respecto institucional que o governo Fraga tivo para con o Parlamento Galego, empregandoo como “patio particular”, onde se furtou o debate, se utilizou recurrentemente o rodillo da maioría absoluta para negarlle a voz á cidadanía (a través da súa representación), desvirtuando de pleno as esencias democráticas que deben presidir a vida política galega.

Nen Fraga, nen o PP, teñen un mínimo respecto por Galiza, polas súas institucións e moito menos polas súas xentes. Palpábel quedou esa denigrante indiferencia fronte ao reaxir social do Nunca Máis, demonizando a Plataforma Cidadá, e ofrecendo algunha “ostia” se non “foses muller”, como fixo Fraga cando a cidadanía lle exixia responsabilidades. Vellos modos de filofascista.

Cando o estudantado galego saiu recurrentemente ás rúas exixindo que o PP deixase de regalar fondos públicos ao ensino privado, (de corte marcadamente cristián), e mellorase o sistema educativo público galego dotandoo de máis meios, o governo Fraga estaba demasiado ocupado intoxicando para falsear a incidencia real desos procesos mobilizadores e tentando manipular a realidade obxectiva.

Cando o agro galego ou o sector pesqueiro, e o naval, exixían do Governo Galego que exercese de tal defendendo as potencialidades productivas do país, Fraga e os seus xiraron a vista agradecendo os “abrazos” (do oso) do governo amigo de Aznar e a caridade da UE.

Cando se exixen políticas integrais de emprego, destacadamente para a mocidade e para a muller, e co interese de re-activar tamén as zonas máis ruralizadas, e por freo ao éxodo masivo de mocidade cara a emigración (silenciada baixo a re-denominación de “mobilidade xeográfica”), o governo Fraga pide “que entren os antidisturbios” para acalar os berros de mozas e mozos que exixían o seu direito a traballar, con dignidade e na terra, nun acto oficial.

Habería mil exemplos, nesta última lexislatura e nas anteriores da era Fraga, pero a conclusión é que o PP e o seu octoxenario Presidente sempre lle deron as costas ao país e ás suas xentes, primando os intereses partidarios, persoais ou caciquís por riva das necesidades sociais dunha nación abafada pola incompetencia dun governo que non a representa nen respecta e que non merece.

Fraga ten medo. O PP ten medo. Temen que en Galiza teña lugar dunha vez por todas o CAMBIO, que a cidadanía lle retire a patente de corso que el se auto-otorgou, e lle dea unha digna xubilación non a Fraga, senon a un PP en conxunto que carece de proxecto de país, de solucións aos problemas da xente, e que no fondo non é máis que unha parte importante do problema. Temen que se remate o estado de excepción democrática que eles supoñen para este país, e que chegue un novo Presidente que abra as fiestras do país, porque o ambiente está cargado, demasiado cargado…

Mais tamén temen no PSOE. Touriño ten medo tamén. Medo a que en Galiza o cambio non sexa un cambio inértico por mimetismo, teme que ás xentes deste país non queiran só talante senon solucións, e sobre todo respecto. Teñen medo a que en Galiza o cambio sexa real, sexa efectivo, sexa profundo, sexa progresivo pero constante, teñen medo ao cambio galego, e a que sexa o BNG, con Quintana, quen o encabece. Porque saben que cun presidente nacionalista non valerán prevendas, ofertas valeiras, declaracións de intencións nen a política do baladí; saben que entón haberá un governo galego de seu, que exixira con contundencia o que nos pertence, sen ter que obedecer aos dictados da sede central na metropole madrileña. Unha Xunta que non se someta nen a Génova nen a Ferraz.

Hai medo a que por unha vez en moito tempo haxa un Presidente que teña respecto por este país, e dé solucións aos problemas das súas xentes.

Eleccións este verán... suscribo as verbas de Anxo Quintana: “canto antes remate esta agonía e con este governo acabado mellor".

===

Publicado en Galiza Indymedia o 21/04/05, Arredemo.info o 22/04/05, Xornal.com o 23/04/05, Vigo Metropolitano o 23/04/05, Rebelión o 24/04/05 (En Español), e en Diario Directo o 28/04/05.

Chuzame! chúzame -

Política territorial, após un ano de xestos.

agosto 28th, 2006 agosto 28th, 2006
Posted in Artigos Anteriores, artigos e columnas
1 Comment »

Unha das máis amargas cuestións ás que o executivo socialista, pero asentado grazas ao pacto alcanzado con forzas como ERC e IU, de Rodríguez Zapatero é o debate arredor do modelo territorial do estado. Zapatero presentouse ás eleccións xerais de marzo de 2004 defendendo que sería o governo que el presidise o que impulsaría as reformas estatutarias e a constitucional, esta última circunscrita a aspecto menores que a fan insuficiente.

A defensa da cohesión do estado, nova lectura conceptual lixeiramente matiza da inalienábel “unidade de España” defendida pola dereita, desde unha dobre dimesión de defensa da solidariedade e dos equilibrios inter-territoriais e o respeito á diversidade existente, non pasou neste primeiro ano de governo dunha mera declaración de intencións, ambigua e que suscita a tempos diferentes contradiccións.

Desde o governo impulsouse a utilización, inda que marxinal, das linguas oficiais do estado (galego, catalá e euskera) nos debates parlamentares, cuestión que fixo tremer o asento do mesmo Presidente do Congreso que semanas despois a suspendeu para finalmente retomala, e suscitou unha agria polémica entre o PSOE e as demáis forzas que avalaron a investidura de Zapatero.

A Conferencia de Presidentes é outra das iniciativas do governo do PSOE en materia de deseño do Estado, moi en relación coa reforma do Senado para convertilo nunha verdadeira cámara de representación territorial, inda que polo momento ambas iniciativas fican no campo da inconcreción. O Partido Popular empregou aos seus presidentes autonómicos para dinamitar estos procesos, inda coas disesensións de líderes tan “enmblemáticos” como o octaxenario Presidente da Xunta de Galiza, Manuel Fraga.

Zapatero instalou na normalidade a presencia das presidencias dos diferentes governos autonómicos nas cimeiras internacionais e nas política comunitaria no seo da UE, inda quedando pendente desenvolver esta presenza articulandoa para facela efectiva de maneira que os diferentes territorios do estado teñan voz e voto en cuestións que lles afecten directamente, destacadamente na cuestión productivo-económica.

Son destacábeis tamén as notábeis contradiccións existentes no seo do propio PSOE, que oscila entre o modelo federalista de Maragall e Chaves e o (neo)centralista de Ibarra e Bono, fenómeno que fai que o modelo de Estado do governo de Zapatero sufra pulsións constantes por uns ou outros.

===

Esta crónica xornalística, que non artigo de opinión, foi publicada dentro do Especial "Un año de gobierno , un año de gestos" no número 4 do quincenal de tirada estatal DIAGONAL. O texto aquí publicado é a versión íntegra, e traducida ao galego, co que se estrea a miña colaboración con ese meio.

Publicado tamén en Rebelión o 23/04/05.

Chuzame! chúzame -

Da política do menos malo, ou do auto-odio en Vigo.

agosto 28th, 2006 agosto 28th, 2006
Posted in Artigos Anteriores, artigos e columnas
No Comments »

Relembrar permanentemente a relevancia que a cidade de Vigo ten para o conxunto do país e mesmo do Estado, cun papel destacado en diferentes sectores tamén no plano internacional, xa soa a cantinela reiterativa que coido parte máis da necesidade de autoconvencerse que dun exercicio de pedagoxia. Vigo é, per se, a principal urbe galega, case que unha das capitais do noroeste peninsular, e xunto con norde de Portugal un eixo de referencia europeu que moito hai que desenvolver. Alberga o principal núcleo povoacional de Galiza, aporta máis das tres cuartas partes do PIB galego e é o motor industrial e de servizos do noso país. Pero unha cidade é mais que un espazo xeográfico no que conlfuen actividades economico-productivas, é un espazo de desenvolvemento vital, de desenvolvemento persoal, humano.

Vigo debe medrar, debe avanzar e ampliar a súa proxección como metropole atlántica na que deben converxer co maior grao de armonía a potencia económica dunha cidade industrial e unha cidade habitábel, humanizada, mellor dotada de servizos, e que garanta os maiores níveis de benestar para a veciñanza. Ese será o Vigo de futuro polo que a meirande parte da cidadanía aposta, e polo que por unha vez parecen converxer os principais axentes sociais, mais non todas as forzas políticas; algunhas esquecen a vocación e o servizo de cidade relgandoos a un plano secundario fronte ao tacticismo.

A cidade ten notorios défices, sobor de todo no relativo a infraestructuras, loxística e instalacións, ademáis de dotacións de servizos. A conexión co Porto Seco de Salvaterra, un verdeiro AVE, a re-ordenación do litoral (non para asoballar a ría, principal activo da cidade, senon para armonizar as necesidades dunha urbe portuaria co respecto escrupuloso ao meio ambente), a ampliación de Peinador, o cuarto centro hospitalario para Vigo e Área Metropolitana, a supresión da peaxe, a própria Área Metropolitana, a Axencia de Pesca, ou o tan sonado Auditorio, son algúns poucos exemplos de proxectos imprescindíbeis para a cidade pero que se adían permanentemente por falta de vontade política.

O Estado ten unha débeda histórica con Galiza, xa que logo tamén con Vigo como principal cidade galega. Vigo ten medrado en boa parte grazas ao traballo da súa cidadania e ao afán inversor foráneo; como un adolescente emancipado a cidade olívica superou o inadmisíbel esquecemento institucinal e a marxinación orzamentaria á que permanentemente Estado e Xunta a someteron. Pero há carencias que non se poden suplir só con boa vontade, é imprescindíbel que Estado e Xunta se comprometan coa cidade, e que concreticen esos compromisos con partidas concretas que financien proxectos concretos con prazos concretos. É iso o que se debe exixir.

É o que debe exixir tamén o próprio Concello de Vigo, destacadamente desde a súa Alcaldía, pero non para empregar a defensa dos intereses da cidade como arma electoral, segundo quen ocupe a Xunta ou o Governo do Estado, deformando reclamacións lóxicas e razonábeis en choromiqueos inconcretos que nos restan peso negociador. A cidade anda, é certo, porque a estas alturas a cidade andaria case que practicamente soa, pero anda lento e mal, e a inercia non é movememnto, cando menos non o movemento que Vigo precisa.

Volven soar agora con forza as voces que reclaman un cambio político, pero non por un inconsistente "quitate ti para poñerme eu, non para un mero intercambio de sillóns, senon para cambiar a inercia por movemento. O actual governo municipal demostra a súa incapacidade para liderar a cidade, para actuar con decisión en temas "de cidade", ao marxe de diferencias partidarias, porque fica atado ao tacticismo do PP galego cara as autonómicas e carece dun minimo programa politico que sustente a sua inexistente visión de cidade. Un terceiro ocupante da Alcaldía ou un cuarto governo municipal é certo que poderían semellar desnortados, pero o que hoxe se sinala como "o menos malo", nen o é nen só terá custos a curto prazo, e Vigo xa perdeu demasiados anos (mesmo con governos de maioría absoluta, absolutamente inoperantes), como para conformarnos coa paz e a tranquilidade da ineficacia, que son as maneiras sutís do auto-odio vigués.

===

Publicado en Vigo Metropolitano o 16/03/05, Galiza Indymedia o 16/03/05, Xornal.com o 17/03/05, Arredemo.info o 17/03/05 e en GalizaCIG-Actualidade o 19/03/05.

(Fotografía: Atardecer. Vista da Ría de Vigo desde O Castro, ©Fernando Pol, 30/08/2004. Tirada de www.galizacig.com).

Chuzame! chúzame -

Menos discursos, máis igualdade.

agosto 28th, 2006 agosto 28th, 2006
Posted in Artigos Anteriores, artigos e columnas
No Comments »

É certo que nos últimos anos, nas últimas decadas, a situación da muller en relación ao meio social, económico, laboral e familiar, ten mudado cualititativamente. É certo que a situación da muller hoxe, cando menos nas coordenadas galegas do mundo “occidental”, son ben distintas das de comezos do século XIX ou XX, mais esas mudanzas que non foron froito da casualística, senon consecucións dunha prolongada e sacrificada loita por parte das mulleres en defensa dos seus direitos, seguen a ser pouco substanciais e absolutamente insuficientes. Insuficiencia que se multiplica potencialmente se observamos as situacións das mulleres noutros pontos do planeta, nos que parece que a historia tense conxelado no máis tétrico dos momentos.

A muller galega enfrontase hoxe a unha realidade vital complexa. A taxa de paro femenino supera en moito á masculina (19,1 fronte ao 902 segundo a EPA do INE), e por outra banda, as mozas e mulleres deste país continuan a cobrar un 40% menos, de media, en comparación cos salarios a traballadores de xénero masculino dun xeito inadmisíbelmente inxusto.

Seguen a ser moitas as mulleres, e tamén as mozas (ás veces mesmo me alarma contemplar que nas xeracións que encarnamos a modernidade do século XXI se repiten mimeticamente vellos patróns de conducta sexista e “maltratadora”), as que padecen o maltrato fisico ou psicoloxico, por parte das súas parellas, pero inda máis o maltrato e a invisibilización como formas terríbeis de violencia estructural por parte do sistema, e das administracións como os seus aparellos, que obvia as necesidades e direitos da metade da nosa sociedade.

Redefinir constantemente o feminismo pode semellar un exercicio baldío, mais en tempos nos que a información deforma, se cadra ten certa utilidade recordar que feminismo é igualdade, unicamente loita pola igualdade de oportunidades, e de direitos, loita pola igualdade entre as persoas humanas independentemetne do seu xénero, que debe deixar de ser dunha vez por todas un estigma social, e tamén económico. Feminismo non significa darlle a volta á actual situación e situar no asento de xenero predominante ao femenino en substitución do masculino, non é substituir patriarcado por matriarcado, senon construir desde o recoñecemento dunha extrema inxustiza histórica para/con as mulleres unha sociedade formada por iguais. Ese é o feminismo do que me sinto militante, sen paternalismo, con humildade e orgullo.

Hai quen sinala que a discriminación positiva, por moito que se positive continua a ser discriminación; inxusta demencia, intolerábel estupidez. É imprescindíbel apostar por medidas que re-equilibren unha situación inxusta, sen pausa pero dun xeito progresivo, porque a sociedade non para, non se pausa, agardando reinstaurar a igualdade que nunca se viviu e que se merece. Se un balde vai demasiado cheo e outro demasiado baleiro, abramos máis a billa para re-equilibrar.

Mais se cadra o 8 de marzo, Día Internacional da Muller, debemos aproveitar a oportunidade para dignificar en clave de xénero o feito de ser muller. Devoltarlles a elas a dignidade roubada por parte dun patriarcado instaurado e alimentado pola belixerancia machista e tamén pola indiferencia social. Dignifiquemos tamén o seu traballo, o seu traballo non remunerado, e polo tanto non recoñecido. Recoñezamos pois o valor engadido o activo económico que xeran milleiros de mulleres co seu traballo no fogar, no campo… a súa atención familiar (que mesmo suple as carencias do estado do benestar que tanto as esquece). Fagámolo cuantificando esa decisiva contribución económica das galegas a Galiza, publicitandoo e apostando por medidas reais de integración laboral, de emprego ao cabo, tal e como se está a propor estos días. Visibilicemos dunha vez por todas a todas as mulleres que soportan sobre as suas costas os eixos do país, e que son unha peza chave no noso desenvolvemento. Pero fagamolo non para perpetuar ese sacrificio, senon para posibilitar outros vieiros, novas oportunidades en IGUALDADE.

Obriguemos á administración a actuar con decisión e en claves de tolerancia cero fronte á explotación laboral, o fraude, a discriminación ou o abuso, en calquera das súas formas, por razón de xénero. Non é tolerábel que o Alcalde de Toques continue no seu cargo despois de ter sido condeado por abusos sexuais a unha menor; non é tolerábel que o Valedor do Povo obvie esa inxustiza alucindo que non está no seu marco competencial. Debemos exixir que a defensa da igualdade, que a xustiza fronte ao maltrato e a discriminación sexan competencia primoridal de todas e todos, tamén das institucións.

Hoxe 8 de marzo, en nome de quenes padecen a discriminación salarial, a invisibilización na linguaxe, os fraudes na contratación, o abuso ou o maltrato por ser muller, e na memoria daquelas que perderon a súa vida por selo ou a deron por dignidade de xénero loitando, é o momento de exixir MENOS DISCURSOS E MÁIS RECURSOS a prol da igualdade real entre mulleres e homes.

Menos discursos e máis igualdade.

===

Publicado en Xornal.com o 08/03/05, Arroutada!Informa o 08/03/05, Arredemo.info o 09/03/05 e en Galiza Indymedia o 10/03/05.

(Fotografía de Natalia Gonçalves, tirada de Feminismo.org)

Chuzame! chúzame -

Non todo vale, Galiza merece máis.

agosto 28th, 2006 agosto 28th, 2006
Posted in Artigos Anteriores, artigos e columnas
No Comments »


Desatouse por fin, e en boa parte grazas á repercusión meiática que tivo o ocurrido no Parlament Catalá, un grande debate social e político arredor da corrupción institucional no noso país.

E non é nen por inercias nen por absurdo mimetismo, senon pola evidencia que clama a gritos por todas partes de que o "enriquecemento ilícito" por parte de cargos institucionais, que denunciara no seu intre o Conselleiro López Veiga (non por afán democrático senón como estratexia no xogo de poder no seo do PPdG), non é nen irreal nen isolado, senon que se percibe socialmente, como manifestamente constatábel en todas as alturas do campo institucional, na Xunta, nas Deputacións e nalgunhas alcaldías, nos que, dise, a prevaricación e as prácticas caciquís son moeda corrente.

Ata onde chegan esas prácticas descoñezoo, mais coincido coa maioría social que sinala que aquí non hai trigo limpo, e se non o hai investiguemos e procesemos aos presuntos responsábeis, iso é o que como cidadanía nos cabe esperar, e exixir por parte do sistema xudicial, non que se obvien por intereses difíceis de definir.

Anxo Quintana, o BNG, ten dado un paso ao frente (cecais algo tardío pero firme), liderando a exixencia de claridade, de luz e taquigrafos, e de intervención xudicial fronte ás denuncias públicas que ao marxe das sutilezas son evidentemente razóns de peso para proceder con urxencia, como o fiscal Mena fixo en Cataluña, ¿por qué non actua do mesmo xeito Carlos Varela en Galiza?. A CIG e agora o BNG exixen que se investigue que se actue, pero Quintana vai máis alá e propón un grande pacto anticorrupción, pero non un pacto de silencio senón un compromiso de articular mecanismos públicos e independentes que salvagarden o noso sistema político da corrupción, do caciqueo, das redes clientelares ou do enriquecemento ílicito.

Non se poden tolerar, admitir, consentir ou ocultar prácticas abertamente ilegais por parte de representantes institucionais. Non se pode tolerar tampouco a indiferencia fronte a estos asuntos de notábel gravidade, e que evidencian a necesidade de hixienizar canto antes a democracia galega, e destacadamente o aparello institucional.

Emilio Pérez Touriño aspira a capitanear o cambio galego, inda que sexa desde o surrealismo dunha improbábel maioría absoluta do PSdG, e inda así xira a cabeza, e prefire non participar deste debate, máis que con intervencións ambiguas repletas de despropósitos como que descoñece que exista corrupción na Galiza cando o seu próprio partido ten denunciado esas prácticas en diferentes ocasións. Touriño aspira a governar Galiza, pagando mesmo o prezo de silenciar o inadmisíbel, negandose incomprensíbelmente a formar parte do pacto ofrecido por parte do BNG (ofrecemento sensato e razonábel) para frear a anticorrupción, alucindo a sua inexistencia; e inda que fose verdade, inda que há numerosas razóns para ter dúbidas formadas, de que en Galiza non existe a corrupción como fenómeno, ¿que problema tería articular mecanismos que a preveñan e a eviten? ¿non é razonábel e democráticamente lóxico facelo?

Se se quere iniciar o imprescindibel cambio político na Galiza, cun cambio de governo na Xunta, é tamén imprescindibelmente necesario depurar e hixienizar o aparello institucional instaurando unha política de tolerancia cero con posíbeis prácticas corruptas.

Pero non se pode aspirar a dar ese cambio, que Galiza tanto precisa, a cambio de silenciar, obviar e consentir ese fenómeno que nos coloca á altura dunha república bananera dos anos 70. Non nos valerá ese cambio, senon se produce a fondo, e con toda contundencia.

Galiza merece máis que iso, e non todo vale.

===

Públicado en Xornal.com o 4/03/05, Vigo Metropolitano o 4/03/05, Diario QUÉ! Vigo o 4/03/05, Arroutada!Informa o 4/03/05, Arredemo.info o 8/03/05, Web do Movemento polos Direitos Civís o 9/03/05, GalizaCIG-Actualidade o 10/03/05, Galiza Indymedia o 10/03/05 e no semanario A Nosa Terra.
(Fotografía de Cristina Maldonado)

Chuzame! chúzame -

Galiza paga o pato, de novo.

agosto 28th, 2006 agosto 28th, 2006
Posted in Artigos Anteriores, artigos e columnas
No Comments »


Mil catro centos cinco traballadoras e traballadores de Ferrolterra quedaronse nesta quincena final do mes de febreiro sen o seu posto de traballo. Na práctica esa cifra ten unha dupla dimensión; dunha banda haberá mil catrocentas cinco persoas máis en Galiza privadas ao seu direito a traballar e que aceptarán unha saída forzosa que a xeito de "mal menor" é unha mera e inxusta prexubilación, e por outra a comarca de Ferrolterra, quedarase sen mil catrocentos cinco postos de traballo; traballo que sexa unha garantía de futuro que evite o crecente despoboamento e a emigración da mocidade cara outros pontos do estado e Europa, do Estado Español e de Europa.

Novamente Galiza é tratada con marxinalidade e desprezo por parte do Estado, novamente Galiza paga o pato de políticas económicas que tanto dano fixeron e fan á súa capacidade productiva, a cifra: dos máis de catro mil postos de traballo que desaparecen no sector naval no conxunto do estado, Galiza aporta un tercio. Diferenza notábel co trato que outras factorías recibiron. Segunda reconversión. Inxustiza inadmisíbel.

A Europa á que tanto lle debemos, á que segundo o PSOE e PP debemos axeonllarnos e ratificar o Tratado Constitucional "porque sí", a Europa que financiou as grandes infraestructuras de comunicación (que como ben sinalaba alguén nunha recente mesa redonda, son de dobre dirección; e poden ser tamén para exportar materia prima e man de obra, a través da cada día máis crecente emigración, e pare importar productos elaborados, colonialismo ao uso en pleno século XXI), a esa Europa debemoslle un novo paso na desarticulación da capacidade productiva do noso país, xa que logo na desarticulación do futuro de Galiza. Foi a UE quen a través da súa política económica e de mercado, na salvagarda da "imprescindíbel" libre competencia, a que forzou a dar un paso atrás na negociación entre sindicatos e patronal, que se ben non era beneficiosa polo entreguismo das dúas grandes centrais sindicais de ámbeto estatal, si supuñan algún matiz positivo frente ao despropósito da reconversión forzosa do sector que agora vemos.

Defender o futuro de Galiza e das súas xentes, defender este país, pasa por defender as nosas potencialidades productivas, pasa polo desenvolvemento dunha economía integrada de noso que cree emprego e benestar, que aporte prosperidade e avanzo tanto ás zonas rurais como ás grandes urbes.

A castración económica a través dunha política pesqueira que nos afoga, dunha cota láctea incomprensíbel cando o Estado Español é deficitario en productos lácteos e que tivo e ten graves efectos negativos no sector gandeiro, e unha pésima xestión dos fondos europeus que no canto de invertilos para promocionar e apuntalar os eixos da nosa economía só serviron para comunicarnos vía autoestrada (compre apontar que Galiza precisaba desas infraestructuras e sigue precisando de outra moitas) coa "metropole".

Desde a década dos noventa milleiros de mozas e mozos vense forzadas/os cada ano a abandoar as súas cidades e vilas para emigrar na procura de postos de traballo que lle garanten un mellor nivel de vida. ¿Alguén pensa que unha moza moañesa abandoaría a súa cidade para emigrar a Canarias se nela ou nas proximidades tivese emprego en condicións dignas? ¿Alguén cré que un mozo ferrolán abandoaría a súa comarca para desprazarse até Londres se tivese garantías de benestar alí? O despropósito de sinalar aos programas europeus Eramus ou Sócrates, ou ao afán de coñecer mundo, como as razóns de emigración galega deste século XXI é absolutamente falso e inadmisíbel.

Hoxe eu teño 1405 novas razóns para votar NON á Constitución Europea (por consagrar un modelo económico, político e social que nos deixa as/os galegas/os con poucas esperanzas de futuro), e 1405 novas razónS para apostar por un outro e novo governo galego que defenda os intereses do noso país con dignidade, e impida que nos volvan facer pagar o pato, mais para iso cecais sexa preciso mirar o mundo desde Galiza e non desde Ferraz/Génova.

===

Publicado en Arroutada!Informa o 11/02/05, Xornal.com o 15/02/05, Vigo Metropolitano o 15/02/05, Portal de AGAL o 18/02/05, no semanario A Nosa Terra, e no Xornal Galego A Peneira a 2ª quincena de febreiro.

Chuzame! chúzame -

Vinte minutos por Europa

agosto 28th, 2006 agosto 28th, 2006
Posted in Artigos Anteriores, artigos e columnas
No Comments »


O vindeiro 20 de febreiro a cidadanía galega, xunto coa do conxunto do Estado Español, estamos convocadas e convocados para opinar arredor do Tratado Constitucional Europeo, nun referéndum , que de entrada poderíamos calificar de propagandístico, e por precipitado tamén de antidemocrático.Democracia é participación, é uso da cota de soberanía popular que a cada cidadá, que a cada cidadán, nos corresponde cómo partes integrantes dun conxunto social, nun marco xurídico-político, pero democracia é tamén información, a necesaria información que precisamos todas e todos para poder opinar dun xeito razonado sobor cualquer cuestión. Non vale a propaganda, non vale a manipulación feita a golpe de eslogan, debemos exixir información veraz.

De Hamlet, sonado personaxe da literatura universal da man de Shackspeare, dician que estaba tolo, e cando menos parecíao. Mais na prisión que para el representaba aquela Dinamarca, de salón, de palacio, de falacia, a locura era un instrumento, un medio. Facíase o tolo para poder pensar, para poder deseñar a sua estratexia, mentras observaba, divertindose co tratamento que lle proferían. Hamlet tería sido un xenio insólito nunha actualidade marcada pola ausencia de reflexión, de debate. Non existe democracia sen participación, non existe participación sen reflexión, non existe reflexión sen información.

A razón, o pensamento, a reflexión son as máis distintivas señas da esencia da verdadeira e xenuina liberdade persoal. A disensión a sua manifestación máis activa.

Europa forma parte da nosa realidade, se cadra dun xeito menos visíbel que outros elementos, pero forma parte de nós, e formamos parte dela. O discurso que históricamente defendeu o nacionalismo galego, foi de marcado acento europeista, como cristalización do internacionalismo que defendía, e defende, a nível global.

Europa ben merece de vinte minutos. Vinte minutos antes de votar sí ou non á carta outorgada que queren converter en constitución. Ao marxe do que cada quen pense, ao marxe do que cada unha, cada un, de nós consideremos sobor do texto, é necesario reflexionar. Cando menos vinte minutos, só vinte minutos, escasos vinte minutos (sen dúbida canto maior sexa o tempo mellor, pero a estas alturas esperar que o conxunto da ciudadanía na sua maioria dedique vinte minutos a pensar con calma, , detidamentesobre o tema da consulta do 20-f, é unha aspiración que de ser cumplida encheríame persoalmente de satisfacción).

Defendan o sí ou non, pensen vinte minutos en Europa, pero desde Galiza. Pensen nos pros, nos contras, pensen en se nos é ou non propio o texto, pensen, pero pensen en clave de futuro. Pensen, e decidan, se o módelo que nos propoñen é o que arelamos para nós e para o futuro. Pensen se paga a pena construir esa Europa... ou outra distinta. Pensen, e decatense de que existen alternativas, opcións posíbeis de construir outra realidade comunitaria que non se teña que sustentar ineludíbelmente nos pilares do neo-liberalismo máis antisocial, nos aliceres do pensamento único máis uniformador, ou nos lobbies mediatico-económicos.

Non creo que haxa ningun partidario do sí ao tratado constitucional proposto que pense que é o mellor, e moi poucos poderán valoralo rotundamente como bó. Porque non o é.

Ao longo destas semanas escoitei a motias persoas, falei con moitas delas, intercambiamos ideas, impresións, e opinións, nun xogo de base democrática que chamamos dialogo. Escoitei de todo, e curado de espanto, tras unha pausada reflexión persoal, non militante, decidín votar NON.

Moitas desas persoas, cidadás e cidadáns normais coma mín, ou coma vosté, dixeronme que votarían SÍ porque había que estar en Europa, porque inda que fora mellorábel (feito que recoñecía a meirande parte) ía ser igualmente aprobado, e con moral de derrotadas/os deberíamos rendirnos á evidencia e suscribir a cegas un contrato sen lelo.

Votarei NON, como unha parte agardo que importante do noso país, non por non crer en Europa, non por crer que a Unión Europea non merece nen precisa dun texto consticional, non por obstinación ou capricho. Votarei NON porque creo nunha outra europa, social, dos povos, democrática e pluricultural, porque creo que Galiza merece dunha outra Europa, e porque inda que finalmente o texto saia aprobado pola maioría mecánica que a maquinaria mediática do PSOE do PP se encargaron de crear, quero pensar que a miña maior e mellor aportación a Europa, foi construir unha Europa que conteña cidadanía activa, crítica,que poida disentir.

Por Europa, por Galiza, EU fareino.

Por Europa, por Galiza, votarei NON.

===
Públicado en Xornal.com o 07/02/05, en GalizaCIG-Actualidade o 09/02/05, en Arroutada Noticias o 11/02/05, en Vigo Metropolitano o 14/02/05, no web de Galiza Nova o 15/02/05, no Portal de AGAL o 17/02/05, e na edición local Vigo de La Voz de Galicia.

Chuzame! chúzame -

Papanatismo antidemocrático

agosto 28th, 2006 agosto 28th, 2006
Posted in Artigos Anteriores, artigos e columnas
436 Comments »

Xosé Manuel Beiras e Anxo Quintana durante unha manifestación en apoio do sector gandeiro galego. Santiago 07/04/2001

Quen afirme que a disensión, que a discrepancia, que a oposición ou a confrontación de ideas (nun marco de convivencia), resultan antidemocráticos ou que poñen en perigo a esencia mesma da democracia, deturpan de cheo o propio concepto.

Estamos a viver momentos "democráticos" difíceis. A ausencia de cultura democrática, e cívica, destacadamente en lideres dos partidos estatais, converten cada debate nun horror que se debe evitar. Dicia o incalificábel José Blanco, que o lehendakari (que é o Presidente do Governo Basco, máximo órgao executivo de Euskadi, eleito democráticamente) demostraría a súa convicción democrática retirando a proposta do Parlamento de Vitoria de reforma do Estatuto. Inadmísibel manipulación, imperdonábel estupidez dun dos lideres da "esquerda" española, que só se pode entender nun estado non normalizado democraticamente despois de 30 anos de "transición". Se extrapolamos ese nulo razonamento do amigo "pepe" (a coincidencia co acronimo do Partido Popular, é casual, non?) a todas as esferas da vida social e política, trasladámonos á anti-democracia.

"Sr. ciudadano sea demócrata, no cuestione, no critique, no proponga (sobre todo cosas molestas), y vote SÍ cuando se lo pidamos, confie, no moleste" Lemas así rezarán en futuras campañas institucionais que un griposo Moratinos nos apresentará publicamente, inda que Bono pode que sexa o máis axeitado...

Pero aquí na Galiza, o sucursalismo de Fraga foi evidente durante a era Aznar, tan perxudicial a propósito para os intereses do noso país, e agora tocalle o turno a Emilio P.P. Touriño, desculpen colouseme unha segunda pé, o subconsciente traiciona.

Que un lider político, que aspira a representar o cambio político na súa comunidade, se atreva a calificar posicións de disensión democrática de "propias da extrema dereita", é ademáis dunha supina imbecilidade, unha inadmisíbel insensatez. Dar por natural unha ou outra posición dentro dun debate social e político, desnaturaliza a propia democracia, na que con "talante" deben convivir pluralmente diferentes opinións e perspectivas, ás veces encontradas, pero necesearias todas.

Ningún cidadán cabal, maduro e responsábel, xa non digo responsábel político, digo mesmamente cidadá ou cidadán, se atrevería a entrar nese burdo e sucio xogo de descalificación. Somos moitas/os as/os que agardamos de quen pretende ser Presidente da Xunta, polo PSOE, que manifeste esa mesma valentia, demostrada agora como total imprudencia e desvarios verbais, nun dabete serio, aberto, sen circunloquios, sobre a consulta do tratado constitucional.

Fronte ao papanatismo non democrático, Quintana demostra estar máis á altura, institucional, política, intelectual e social do debate, sobre Europa, sobre o PEIT, sobre os orzamentos estatais, ou sobre o tan necesario Novo Estatuto. Demostra así que quen non exerce de mera sucursal na "colonia" ou rexión, quen non nada debe na "metropole" (ou ferraz/génova) ten do seu lado todas as razóns democráticas para defender o que xustamente merecemos as galegas e os galegos. O Nacionalismo Galego volta ser outra vez o verdadeiro aparello de estado da nosa nación.

===
Publicado en Xornal.com o 02/02/05, en GalizaCIG-Actualidade o 04/02/05, en Vigo Metropolitano o 04/02/05, e en en Arroutada Noticias o 06/02/05.

(Imaxe tirada de GalizaCIG-Actualidade)

Chuzame! chúzame -