¿Renovarse para morrer?

Recentemente Xosé Sánchez nun artigo brillante publicado en A Nosa Terra, sobor de todo pola súa meridiana claridade, analisaba a xa demasiadas veces escoitada consigna da "apertura á sociedade" das formacións políticas, e sacaba a debate cal é o papel que lle toca á militancia base.
Se a nomeadísima apertura xa é un slogan trillado, non o é menos esa permanente chamada á renovación. O certo é que o verbo "renovar" encerra na súa natureza abstracta diferentes acepcións e significacións que varían en moito segundo sexa o enfoque, ou como se dí en interpretación: a intención, coa que se defenda.
Renovar pode ser unha mera sustitución de persoas ou elementos que xa cumpriron co seu cometido, pechando ciclos. Significa tamén cambiar os membros dunha entidade por outros novos.
Pero se cadra o xogo do debate céntrase nas dúas principais acepcións do tan gastado termo.
Dunha banda renovar pode ser cambiar algo que xa non vale, algo caduco, rematado, inservíbel.. por outra cousa. Parapetados nesa definición excluínte e ahistórica, carente de visión de conxunto, é desde onde os profetas da renovación arengan coa demagoxia como ferramenta, reclamando sustitucións en principio de persoas pero que no fondo agochan unha sustitución ideolóxica no conceptual e estratéxica no político.
Nada teríaa que obxectar a ese afán sustitutivo de non ser porque na praxe, e coa experiencia empírica na memoria recente, eses discursos estéticamente modernos pero pouco ou nada innovadores, son en síntese unha relaxación ideolóxica, que se concreta na renuncia dos elementos proprios do discurso que inda sendo chaves non suscitan o apoio da masa social no tempo presente, pero que sí deberían suscitalo no futuro.
Dito esto quero afirmar un sólido compromiso coa outra renovación; compromiso que sei é compartido por moitas persoas que seguen sen renunciar ao soño dunha realidade diferente, mudandoa día a día coa súa aportación de incalculábel valor desde os diferentes eidos de traballo político: sindical, veciñal, movemento estudantil, ecolóxista, cultural Comprométome no seu nome coa renovación que significa facer que algo que é ou está vello, gastado, esquecido, desbotado resulte novo, adquira novo valor ou aceptación e teña máis forza ao incorporarlle novos elementos, mais sen arrincar a esencia que o fundamenta.
Pero renuncio ao verbo renovar se o que tras del se agocha non é máis que a renuncia ao soño revolucionario, ou moderar a nosa ambición e aspiración transformadora. Renego da renovación dos que desde o minifundismo e o regate curto non conciben unha proxección histórica máis alá da perspectiva biográfica ou dos tempos biolóxicos da súa propia existencia.
É o intre de renovar o compromiso coa renovación como sinónimo de innovación, pero non como renuncia. Renovámonos para afortalar o proxecto, mais nunca para diluilo nen para rebaixalo. Niso sí nos vai a vida.
===
Publicado en Xornal.com o 14/06/06
chúzame -